Thursday 02 de May de 2024

O Parque de Pedra Pateira queda fóra da zona de dominio público tras rectificarse o deslinde no entorno do Paseo do Touro


Por resolución ministerial comunicada esta semana ao Concello

O Concello de Riveira informa de que o parque de Pedra Pateira vai quedar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre despois de que o Ministerio de Agricultura, Pesca Alimentación e Medio Ambiente aprobase a rectificación do deslinde neste entorno segundo resolución ditada pola Dirección Xeral de Sostibilidade. Así llelo comunicou por escrito esta semana ao Concello a Demarcación de Costas en Galicia.

A aplicación do novo deslinde ten lugar como consecuencia de excluír da zona de dominio os terreos cedidos ao Concello a raíz do acordo do Consello de Ministros de 17 de xuño de 1977, que autorizou á Administración Local a construción dun paseo no Touro que pasaría a uso público municipal.

Cómpre lembrar que esta circunstancia non se materializou ata o 23 de abril de 2013, data na que se aprobou a acta de recoñecemento final das obras como paso previo a unha nova remodelación do paseo no marco do proxecto Riveira Atlántica.

O 16 de xullo de 2015 a Demarcación de Costas solicitou autorización para incoar expediente de rectificación do deslinde e excluír do mesmo os terreos cedidos ao Concello, expediente que foi incoado o 5 de febreiro de 2016.

Finalmente, a devandita Dirección Xeral de Sostibilidade aprobou a rectificación do deslinde entre os vértices M-15 e M-65 e o establecemento dunha nova liña de ribeira do mar, deixando fóra da zona de dominio Pedra Pateira e implicando así mesmo á alteración da servidume de 20 metros coas consecuencias ventaxosas para os veciños residentes que deixan de estar afectados por esta zona de protección.